Pepephone estrea o seu servizo de ADSL

mércores, 20 de marzo do 2013 Marcus Fernández

As oferta de ADSL que hai no mercado son moi variadas, pero a meirande parte das compañías opta por subministrar un servizo combinado de teléfono con tarifa plana de chamadas e Internet, pero Pepephone sorprende ao seguir ao pé da letra a mesma filosofía que tiña na telefonía móbil no seu novo servizo de banda larga fixa, para o bo e para o mal, primando a claridade da súa oferta: acceso á Internet por ADSL a 23 euros + IVE ao mes.
O novo servizo de ADSL de Pepephone non ten custos ocultos, ou sexa, que ofrece ADSL2+ de ata 20 Mbps alí onde sexa posible, pero sen incluír servizo telefónico nin permanencia, o que resulta moi atractivo para os usuarios que non precisan da telefonía fixa, aínda que como desvantaxe ten o feito de non incluír router nin instalación.
Dende Pepephone apuntan que os usuarios que actualmente teñan ADSL con outra compañía posiblemente poidan utilizar o seu vello router con Pepephone, sendo o usuario libre de mercar outro, para o que agardan contar pronto con un modelo que ofrecerán a prezo de custe a través de Pepephone.
O servizo de ADSL de Pepephone ofrécese a través da rede fixa de Vodafone, e a súa velocidade máxima é de 20 Mbps de descarga e 1 Mbps de subida, aínda que advirten que esas condicións son ideais, polo que non se dan na práctica (dependendo principalmente da distancia entre o fogar e a central telefónica correspondente). Precisamente para deixar claros certos conceptos sobre as velocidades dos servizos de ADSL dende Pepephone publicaron unha grande anotación no seu blog na que insisten nas limitacións desta tecnoloxía, asegurando que actualmente só a fibra e o cable poden garantir a velocidade dos seus accesos á Rede.
Os usuarios que queiran darse de alta no ADSL de Pepephone deberán pagar 35/75 euros de alta (segundo teñan ou non liña) e darse de baixa non tería custo de pasarse a outro operador (en caso de baixa da liña tería un custo de 15 euros). O servizo técnico sería de balde, agás nos casos nos que a incidencia fose culpa do cliente (caso no que tería que pagar 50 euros). E todos estes prezos, postos claros na páxina web da compañía, nun acto de transparencia que poucas veces vemos nos servizos de acceso á Internet.

PUBLICIDADE