Pecha a revista británica PC Zone

xoves, 15 de xullo do 2010 Marcus Fernández

O traslado de audiencias do papel á web nas revistas de videoxogos está a provocar unha crise do sector ilustrada polo constante peche de publicacións que nalgún caso son auténticas veteranas, coma é o caso da revista británica PC Zone, que despedirase o 2 de setembro do seu público co seu número 225, poñendo fin a unha cabeceira con máis de 17 anos de vida nos que era considerada como unha das mellores revistas de videoxogos para PC de todo o mundo (e a primeira publicación deste tipo no Reino Unido).
PC Zone só estaba a vender 11.000 copias ao mes, o que non resulta sustentable para unha publicación deste tipo, que nacera das cinzas da revista de videoxogos de distintas plataformas Zero (pechada en outubro de 1992) mantendo o seu peculiar sentido do humor, o que dáballe un factor diferencial no sector.
Como tamén aconteceu en España, a revista tivo unha época na que entregábase cun CD-ROM no que incluían demostracións de videoxogos, pero que chegaron a causar grandes problemas á cabeceira, pois comezaron a incluír nos mesmos niveis para ampliar a experiencia de distintos xogos coma Doom, colándoselles un mapa no que había contido adulto (o que non resultaba axeitado para unha revista orientada á mocidade). Tamén o peculiar sentido do humor da revista creou fricción coas editoras de videoxogos, aínda que está claro que foi a chegada da Internet a que supuxo a fin da época dourada da publicación, pois os contidos antes incluídos en CD agora estaban dispoñibles coma descarga de xeito masivo, e a información na web tamén está máis viva e actualizada, o que está a afectar de xeito xeneralizado a todas as revistas de videoxogos, aínda que no caso de PC Zone hai outro factor determinante da súa decadencia: as consolas de videoxogos. Boa parte dos xogadores de PC saltaron á PlayStation, e actualmente son usuarios de Xbox 360 ou de PlayStation 3, quedando só un grupo reducido fiel ao PC (principalmente os amantes dos xogos de estratexia, e o grupo máis duro de amantes dos FPS).

PUBLICIDADE