Páxinas galegas estrea un novo buscador máis doado e eficaz

martes, 8 de xaneiro do 2008 Raquel Noya

A web paxinasgalegas.es vén de publicar unha nova versión do seu buscador de empresas máis sinxelo para os usuarios xa que contén un único campo de busca.
Grazas a esta novedosa función, a web permite aglutinar os datos relativos a nome comercial, ubicación xeográfica, actividade e palabras relacionadas co epígrafe que introduzan os usuarios nun só campo. Para mellorar a mostra de resultados, e ante a eventualidade de que existan nomes comerciais que coincidan con actividades, o buscador devolve dous tipos de resultados; por unha parte, destacados dentro dun cadro en azul, aquelas empresas cuxo nome comercial coincida coas palabras introducidas polo usuario, e por outra, as actividades coincidentes.
Esta nova versión realiza asemade dúas procuras simultáneas, a través dun algoritmo interno, para ofrecer resultados coincidentes tanto por actividade como por nome comercial e incorpora un diccionario de termos relacionados e sinónimos de actividades que permite atopar o epígrafe que se está a buscar sen necesidade de coñecer o seu nome exacto.
Esta aplicación tamén permite, entre outras cousas, realizar un filtrado por actividade, concello, comarca e incluso provincia, facilitando amplamente a navegabilidade dos internautas.

PUBLICIDADE