PS Now xa permite gozar de xogos de PS4 en PC

venres, 7 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Hai un ano o servizo de xogos en streaming de PlayStation abriuse ao PC, facilitando así que os subscritores de PlayStation Now en territorios onde o servizo está dispoñible puidesen xogar no seu ordenador persoal a xogos de PlayStation 3, pero a potencia desta plataforma de xogos a través da Rede está a medrar, e finalmente compren a súa promesa de ofrecer tamén xogos de PlayStation 4 a través do mesmo, ou sexa, que xa é posible gozar legalmente de xogos de PlayStation 4 nun PC sen posuír unha consola de Sony.
Coa incorporación de xogos de PS4 ao servizo PlayStation Now tamén supérase a barreira dos 500 xogos no catálogo de xogos en streaming, facendo así cada vez máis atractivo, por facilitar o acceso a xogos exclusivos como Killzone Shadow Fall ou The Last of Us, así como a numerosos supervendas como Red Dead Redemption ou Batman Arkham City. Amais, o servizo tamén está de oferta nos EE.UU. a un prezo de 99,99 dólares/ano, o que serían pouco máis de 7 euros/mes, prezo bastante axustado para quen queira gozar de xogos de consola sen ter que adquirir unha desas máquinas.
Os xogos que se incorporan este mes a PS Now son Killzone Shadow Fall, God of War 3 Remastered, Saints Row IV: Re-Elected, WWE 2K16, Tropico 5, Ultra Street Fighter IV, F1 2015, Darksiders II Deathinitive Edition, Evolve, MX vs ATV Supercross Encore, Resogun, Helldivers, Broken Age, Dead Nation: Apocalypse Edition, Grim Fandango Remastered, Akiba’s Beat, Castlestorm Definitive Edition, Exist Archive: The Other Side of the Sky, Nidhogg e Super Mega Baseball, que son unha boa mostra das novidades que se reciben mensualmente, aínda que por desgraza aínda non hai data para a chegada de PS Now a España, estando polo momento só dispoñible en EE.UU., Canadá, Reino Unido, Países Baixos e Bélxica. Cómpre destacar que neste lado do Atlántico o servizo non resulta especialmente atractivo, xa que o seu prezo mensual sería de 16,99 euros.

Vídeo no que anuncian as novas incorporacións a PS Now

PUBLICIDADE