Ozona achega máis datos sobre o seu foro internacional de boas prácticas TIC de Lisboa

martes, 20 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Unha vista a un dos anteriores encontros empresariais TIC celebrados por Ozona

A galega Ozona Consulting vai levar a Lisboa, un ano máis, unha boa parte do debate actual acerca dos mellores xeitos de achegar tecnoloxías e servizos dixitais. Estamos a falar do segundo Fórum Internacional ISO 20000 que vai desenvolver na capital do país irmán este 30 de setembro, logo dunha primeira convocatoria, celebrada en outono do ano pasado, que recolleu importantes éxitos a nivel de coñecemento, intercambio de datos e competitividade empresarial. Segundo informa Ozona, logo de confirmar a participación no Fórum de xente como Vernon Lloyd, o evento servirá para amosar as últimas novidades de ITIL e ISO 20000. O encontro, de carácter gratuíto e anual, vai especialmente dirixido a directivos: xefes de departamento, directores de empresa, responsábeis de informática, directores de calidade, directores xerais, etc.
Como dixemos, servirá entre outras cousas para dar a coñecer as diferenzas entre as certificacións internacionais de boas prácticas TIC de hoxe e as precedentes inmediatas. O eixo temático será pois a cuestión ITIL e os diferentes procedementos que abrollan dela. Compre lembrar que as siglas ITIL refírense á Biblioteca de Infraestruturas de Tecnoloxías da Información (Information Technology Infrastructure Library) e consiste nun marco de traballo mundial das mellores prácticas destinadas a facilitar a entrega de servizos de tecnoloxías da información.
No transcurso da xornada, ademais dos relatorios que virán da man de especialistas na materia como Vernon Lloyd ou Lynda Cooper, daranse a coñecer varios casos de éxito en implantación deste tipo de modelos e certificados, dirixidos a avalar perante o mundo o bo funcionamento dunha empresa en materia de subministro de recursos. Máis polo miúdo, exporanse varias experiencias especialmente positivas de implantación de proxectos ISO 20000, entre eles o primeiro caso de certificación ISO 20000:2011 en Portugal.
Segundo explica Ozona, esta norma define os requirimentos que regulan o sistema de xestión de servizos tecnolóxico-dixitais e é unha ferramenta coa que as empresas de tódolos sectores poden demostrar que contan coas mellores prácticas para a xestión de servizos.
A axenda de actos complétase coa posibilidade de realizar un master class sobre esta norma impartida por Lynda Cooper o día 29 de setembro.
Segundo apunta Diego Berea, director de Ozona, a norma ISO 20000 foi gañando protagonismo nos últimos anos, por isto, é fundamental que os directivos das empresas lusas coñezan a importancia da súa implantación para mellorar a xestión dos servizos tecnolóxicos das súas compañías.

PUBLICIDADE