Ourense acollerá unhas Xornadas sobre o Software Libre no Ensino

mércores, 12 de setembro do 2007 Marcus Fernández

A asociación Ourense Software Libre (OUSLI) organiza as Xornadas de Software Libre no Ensino os vindeiros 5, 6, 19 e 20 de outubro para proporcionar un punto de encontro onde estudantes, docentes, investigadores e profesionais das TIC tomen contacto e coñezan experiencias educativas co software libre en Galicia e no resto de España.
As xornadas organízanse durante fins de semana para facilitar a posibilidade de asistencia ós interesados, e ten aberto o prazo de inscrición ata o 1 de outubro. As inscricións custarán 40 euros para os asistentes xerais, mentres que os estudantes pagarán 20 euros e os bolseiros da Universidade de Vigo, 10 euros.
O programa do encontro inclúe conferencias para facer un achegamento ó software libre (destacando iniciativas coma o Proxecto Mancomún), á distribución Galinux (Linux deseñado para os centros educativos galegos), ás experiencias en centros galegos (coma o IES Concepción Arenal de Ferrol, o IES Chan do Monte, o IES San Clemente de Compostela, o IES Xulián Magariños ou o Conservatorio Profesional de Música das Pontes de García Rodríguez) e a iniciativas en Cataluña, Madrid e Sevilla, que pretenden ilustrar sobre as bondades do software libre no ensino.

PUBLICIDADE