Os zombis de Call of Duty invaden a App Store

xoves, 1 de decembro do 2011 Marcus Fernández

A franquía de Call of Duty, que tan bo resultado dá nas consolas de videoxogos actuais, quere repetir éxitos nos dispositivos de Apple, polo que hoxe estrean na App Store o título Call of Duty: Black Ops Zombies, unha aplicación baseada no modo zombis do Call of Duty: Black Ops de Treyarch e desenvolvida para iPhone, iPod Touch e iPad por Ideaworks Game Studio.
Este xogo ofrece unha experiencia claramente diferenciada da súa versión para consolas domésticas, aínda que inclúe o nivel orixinal Kino der Toten, así como os outros 50 niveis Dead-Ops Arcade. Os xogadores poderán gozar tanto do modo de xogo en solitario como do modo batalla, cunha experiencia multi-xogador de ata 4 persoas, utilizando a función de comunicación a través de chat.
Call of Duty: Black Ops Zombies está xa á venda por 5,49 euros, e promete actualizarse con novas características, mapas e sorpresas especiais, tirando así proveito da febre dos mortos viventes que ten infestadas as nosas plataformas de lecer electrónico.

O xogo para iOS distínguese claramente da versión para consolas domésticas

PUBLICIDADE