Os xogos de fútbol dominan as vendas españolas de videoxogos

martes, 18 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Imaxe do Pro Evolution Soccer 2009

Coma todos os meses aDeSe publicou as listaxes de vendas de videoxogos en España, e temos que durante o mes de outubro o fútbol reinou nas tendas ocupando as últimas entregas do FIFA e do Pro Evolution Soccer 7 das 10 primeiras posicións, o que é xa unha tradición a estas alturas do ano, aínda que sorprendeu lixeiramente que o Pro Evolution Soccer 2009 manteña as súas boas vendas aínda que exista unha unanimidade case absoluta entre público e crítica de que esta ano o FIFA 09 é un xogo claramente superior.
Así, o xogo máis vendido sería o PES 2009 para PS3, seguido polo FIFA 09 para PS3 e PS2. O PES 2009 para PS2 tamén estaría na cuarta posición de vendas, confirmando así que o parque de vellas consolas de Sony aínda está activo, polo que se fai notar ante os grandes lanzamentos do ano. A Xbox 360 só entra na listaxe nos postos 6 e 8 co FIFA e o PES respectivamente, mentres que a Wii se mantén na listaxe con títulos que poderiamos considerar de longo prazo coma son Wii Fit, Wii Play e Mario Kart (os tres veñen con accesorios, e son case complementos obrigados para os que mercan a consola doméstica de Nintendo).
Cómpre destacar que nas listaxes de vendas por plataforma hai títulos coma Far Cry 2, Dead Space ou Fallout 3 que non acadan os resultados que un podería agardar (aínda que venden moi ben) porque saíron á venda nos últimos 11 días do mes.
No tocante ás consolas portátiles temos coma o FIFA 09 lidera as vendas para PSP, pero na Nintendo DS non parece ser capaz de obter bos resultados, quedando nunha modesta 8ª posición, mentres continúan arrasando Cocina Conmigo, New Super Mario Bros e o incombustible Brain Training.

PUBLICIDADE