Os xogos de PSP dan problemas de seguridade á PS Vita

mércores, 28 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Os xogos de PSP (que xa podían mercarse como descarga para a PSPgo) son os que están a achegar os problemas de seguridade á PS Vita

As consolas portátiles de Sony caracterizáronse dende os seus inicios por certos problemas de seguridade que facilitaban o uso de código caseiro e, en consecuencia, de copias piratas de xogos, o que parece que está a repetirse coa nova PS Vita a través dun par de xogos de PSP que poden mercarse como descarga. Son concretamente Motorstorm: Arctic Edge e Everybody’s Tennis, que veñen de ser eliminados da PlayStation Store para tapar os seus buratos de seguridade, aínda que a versión oficial de Sony é que van corrixir certos problemas de estabilidade dos mesmos.
Nun principio a vulnerabilidade atopada só permitiría a execución de software caseiro, pero o feito de que unha consola tan recente xa teña este tipo de problemas non parece moi alentador para Sony, que vai ter que mirar con lupa os xogos e aplicacións que poña á venda nos vindeiros meses se non quere que se repita a incidencia que poida permitir a vulneración da seguridade da PS Vita abrindo a nova consola portátil á piratería.

PUBLICIDADE