Os xogos de Ouya poderán correr baixo outro hardware

martes, 4 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Tras converterse nun dos proxectos de referencia en Kickstarter, a consola de videoxogos baseada en Android Ouya conseguiu materializarse nun produto comercial que ofrece un curioso catálogo de títulos que en moitos casos están moi ligados a esta plataforma (aínda que cunhas vendas un tanto decepcionantes), e para desligar o software do hardware, e conseguir que os xogos de Ouya poidan chegar a un público máis amplo, a fundadora do proxecto, Julie Uhrman, asegura que esta semana vai anunciar Ouya Everywhere, unha plataforma que permitirá levar os xogos de Ouya ao televisor sen ter que contar co hardware de Ouya.
Con esta nova solución os xogos de Ouya poderían chegar a outros dispositivos baseados en Android, chegando incluso a integrarse en televisores, abrindo unha serie de posibilidades da que se espera que dean conta en breve. Esta decisión respondería ao feito de que Ouya é realmente unha compañía de software, de xeito que a consola que desenvolveron foi só un punto de partida ao redor do que crear toda unha plataforma de xogos que podemos ver como unha analoxía en Android do que Steam é no sector do PC.

PUBLICIDADE