Os xogos de Mario disparan as vendas da Nintendo 3DS no Xapón

mércores, 28 de decembro do 2011 Marcus Fernández

A Nintendo 3DS superou os 4 millóns de unidades vendidas no Xapón

A Nintendo 3DS estreouse no Xapón o pasado mes de febreiro, cunha acollida moi tímida, que parece estar provocada polo elevado prezo da consola e polo reducido catálogo de xogos para a mesma, pero o feito de que nas últimas semanas chegasen ás tendas os xogos Super Mario 3D Land e Mario Kart 7 (e a rebaixa de prezo da consola), mudou todo de xeito radical, e no mercado nipón están a rexistrar records de vendas da nova portátil, de xeito que rematarán o ano superando os 4 millóns de unidades vendidas.

Os 2 xogos de Mario para Nintendo 3DS superaron o millón de copias vendidas no Xapón

É rechamante que unha consola considerada como unha das grandes decepcións do ano por boa parte da prensa especializada estea a funcionar tan ben ao remate do ano, con 510.629 consolas vendidas entre os días 19 e 25 de decembro, de xeito que teríanse adiantado máis de 2 meses aos obxectivos de vendas marcados por Nintendo.
O mérito deste éxito podemos atribuírllo aos novos xogos de Mario, pois na semana indicada Mario Kart 7 vendeu 1.082.391 copias, mentres que o Super Mario 3D Land conseguiu chegar ás 1.042.511 unidades. Outro xogo que tamén tería acadado unhas vendas espectaculares sería o Monster Hunter 3G, que polo momento non se vende fóra do Xapón.

Mario Kart 7 tivo un importante peso na mellora de vendas da 3DS

PUBLICIDADE