Os xogos Rock Band e Guitar Hero impulsan a venda de descargas musicais

luns, 21 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

A baixada de vendas de música en CD contrasta coa música para o móbil e agora tamén coas descargas dende videoxogos, pois Rock Band e Guitar Hero III parece que se terán que ter en conta dende o sector musical, xa que o primeiro xogo xa superou os 2,5 millóns de cancións descargadas, mentres que o último Guitar Hero superou os 5 millóns de temas.
Estes xogos inclúen un catálogo duns 50 temas para interpretar, e se poden completar con descargas de pago, que están a acadar unhas proporcións realmente abraiantes, pois a base de usuarios destes novos títulos aínda non é moi elevada (estímase que o xogo Rock Band vendeu 775.000 copias para Xbox 360 e 250.000 para PS3).
A industria discográfica está impresionada polos resultados acadados, e buscarán achegarse á oferta de temas novos que se van incorporando ás tendas destes xogos cada semana, así como estudarán a posibilidade de vender cancións para outros xogos que actualmente contan cunha banda sonora estática, que nun futuro podería personalizarse previo pago.

PUBLICIDADE