Os usuarios de software libre botaranlle unha man á Coruña en materia de mobilidade limpa

venres, 29 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Xa vai quedando menos para a segunda edición do Hackatiño de datos abertos que organiza o vindeiro 7 de outubro o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), con sede de operacións na Facultade de Informática da Coruña. Como dixemos recentemente, a actividade celebrarase no centro municipal Ágora, terá formato de xornada aberta á cidadanía e, tematicamente, xirará arredor da mobilidade sustentábel e de até que punto as ferramentas de software libre son “amigas” deste xeito de movernos máis ecolóxico, eficaz e económico. O evento conta coa colaboración das asociacións Árticos, o GDG Coruña e mailo Concello (a través da área de Participación e Innovación Democrática que dirixe Claudia Delso).
Segundo nos comentan dende o GPUL, a súa intención é clara: botarlle unha man á Coruña e aos seus cidadáns. “Queremos mellorar a mobilidade na nosa cidade e buscamos como, a idea é aproveitar os datos abertos para que a xente deixe o coche na casa e vexa a necesidade de moverse dun xeito mais sustentábel”.
Segundo informou recentemente o Concello a respecto do formato da xuntanza, o Hackathiño é un evento que xuntará profesionais do desenvolvemento de datos abertos, xornalistas, deseñadores e deseñadoras co obxectivo de idear proxectos que melloren, a través de datos abertos, un aspecto en concreto da sociedade.
Como na anterior edición, os e as asistentes a este encontro tratarán de aproveitar ou xerar datos en formato aberto e a tecnoloxía sen cancelas. Estes serán publicados cunha licenza de carácter libre que permitirá a súa reutilización para calquera uso.
Entre as propostas concretas da cita do 7 de outubro figuran os seguintes: debullar a información xerada polo servizo Bicicoruña para actuar, conforme aos datos dispoñíbeis, favorecendo o uso da bicicleta nos puntos onde máis requira; visualizar o tráfico en tempo real; crear os alicerces dunha aplicación mobil para que os visitantes poidan coñecer a cidade sen coller o coche, etc.

PUBLICIDADE