Os usuarios de PS4 e Xbox One poderán xogar de balde a Overwatch esta fin de semana

venres, 9 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O xogo en liña de moda nos últimos meses, Overwatch, quere xuntar aínda a máis usuarios, polo que dende Blizzard decidiron organizar unha fin de semana de xogo de balde, de xeito que os usuarios de PlayStation 4 e Xbox One poderán instalar e xogar a Overwatch de balde dende hoxe e até o vindeiro domingo, podendo acceder aos 22 heroes e aos 13 mapas, así como dos distintos modos de xogo que se ofrecen (partidas rápidas, partidas personalizas e a última trifulca semanal).
Os participantes nestas xornadas de balde tamén poderán subir de nivel, conseguir caixas de botín e desbloquear diferentes opcións de personalización na Galería de Heroes, permitindo así ter unha boa idea do que achega o xogo, que poderán mercar posteriormente na súa Origins Edition para poder conservar o progresa da fin de semana.
Para descargar Overwatch de balde non será preciso ningún código nin nada semellante, aínda que no caso da Xbox One será preciso ser subscritor Gold de Xbox LIVE para poder gozar do xogo en liña.
A fin de semana de xogo de balde comezará ás 20:00 horas de hoxe, e o proceso para acceder ao xogo é tan sinxelo como entrar nas tendas de aplicacións das respectivas consolas e buscar Overwatch para ver como está dispoñible como descarga a fin de semana de balde, para proceder logo á súa instalación. O xogo de PS4 precisa duns 9 GB de espazo libre, mentres que en Xbox One o espazo necesario sería de 15 GB.

Vídeo promocional da fin de semana de balde de Overwatch para Xbox One

PUBLICIDADE