Os televisores de Samsung poden empregarse para xogar co noso PC a distancia

venres, 11 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Dende hai un par de anos Valve comercializa un accesorio chamado Steam Link que actualmente véndese por 54,99 euros e que permite trasladar os xogos do noso ordenador ao televisor, establecendo a comunicación a través da rede local doméstica no que sería como un HDMI remoto que tamén comunicaría a distancia o mando de xogo que empreguemos, e de contarmos cunha rede coa suficiente velocidade permitiríanos incluso gozar dos xogos a 1.080p a 60 imaxes por segundo.
Estamos ante un cómodo xeito de levar os xogos ao salón sen ter que mover equipos, e que agora vai ser aínda máis doado, xa que Samsung vén de lanzar a aplicación de Steam Link para os seus Smart TV de 2016 e 2017, de xeito que quen conte cun televisor recente da marca surcoreana poderá gozar do xogo remoto en Steam sen ter que adquirir ningún accesorio.
O Steam Link para Samsung TV evita así a necesidade de conectar por HDMI un receptor, e como sistema de control é compatible co Steam Contreller, os mandos (con ou se cable) de Xbox 360, o mando de Xbox One con cable ou os mandos Logitech F510/F710.
Esta funcionalidade leva en probas nos EE.UU. dende hai dous meses, polo que enténdese que está xa madura, e aínda que até o momento as imaxes van a Full HD, chegará a soportar resolucións de ultra alta definición. Cómpre tamén salientar que aínda que o xogo remoto poida conseguirse mediante Wi-Fi, é moi recomendable empregar unha rede de cable para conseguir unha maior estabilidade.

PUBLICIDADE