Os subscritores de pagamento de Xbox LIVE recibirán en marzo unha selección de xogos de auténtico luxo

xoves, 26 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Mentres Sony parece soltar o acelerador cos xogos que achega aos usuarios de PlayStation Plus, dende Microsoft fan xusto o contrario, e aínda que resulte complicado ofrecer sen custo adicional un bo xogo para consolas da actual xeración (por ser demasiado recentes os grandes títulos) a oferta de Games with Gold de marzo dá plenamente no cravo, e durante todo o mes que vén permitirá que os usuarios Gold poidan facerse con excelente xogo de plataformas Rayman Legends, valorado actualmente en 29,99 euros.

Durante a segunda metade de marzo os usuarios Gold poderán descargar Bioshock Infinite

Os usuarios de Xbox 360 tampouco poden queixarse, xa que recibirán na primeira metade do mes o último Tomb Raider (valorado en 24,99 euros) e o igualmente brillante Bioshock Infinite (valorado en 29,99 euros). Dous xogos que poden considerarse imprescindibles, que agora quedan ao alcance de todos os usuarios Gold aos que se lle pasaran no seu día.
Pero a cousa non remata aí, senón que, para celebrar que dende o lanzamento de Games with Gold superouse a barreira dos 100 millóns de videoxogos entregados aos subscritores, Microsoft decidiu que o mes de abril será moi especial, e ofrecerá sen custo adicional 4 xogos para Xbox 360 e 2 xogos para Xbox One.

Tomb Raider é o xogo de Xbox 360 que abre Games with Gold en marzo

PUBLICIDADE