Os subscritores de pagamento de Xbox LIVE recibirán xogos de peso no mes de xaneiro

luns, 22 de decembro do 2014 Marcus Fernández

D4 é o xogo que recibirán os usuarios de Xbox One en xaneiro

Microsoft anunciou hoxe os xogos que recibirán sen custo adicional os subscritores de Xbox LIVE Gold durante o mes de xaneiro, que parecen unha selección de auténtico luxo se atendemos ao feito de que suman un prezo de venda fóra de promoción de 84,97 euros, especialmente polos títulos incluídos para a Xbox 360, que son auténticos supervendas.
O título que durante xaneiro poderán descargar os usuarios de Xbox One será a aventura gráfica independente D4: Dark Dreams Don0t Die, valorado en 14,99 euros e considerado pola crítica como un bo expoñente do seu xénero, e que leva pouco máis de tres meses á venda, polo que é unha novidade que ao incluírse dentro desta promoción pode verse como un auténtico agasallo.

O xogo de carreiras MX vs. ATV Alive para Xbox 360 será un dos ofertados en xaneiro

No caso da Xbox 360 os xogos son bastante máis coñecidos, comezando a primeira quincena con MX vs. ATV Alive, título de carreiras de motocross e quads valorado en 39,99 euros; mentres que na segunda quincena de xaneiro o xogo ofertado será The Witcher 2: Assassins of Kings, valorado en 29,99 euros e considerado como un magnífico xogo de rol e combates que chega nun magnífico momento para os que non se introduciran na súa saga, xa que dentro duns meses chegará ao mercado a súa secuela.

The Witcher 2 para Xbox 360 estará dispoñible sen custo adicional para os usuarios de Xbox LIVE Gold

PUBLICIDADE