Os subscritores de PS Plus recibirán Until Dawn e Game of Thrones en xullo

mércores, 28 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Tras a agradable sorpresa de incluír Life is Strange entre os xogos de PlayStation Plus do mes de xuño, vese que dende Sony non queren baixar o nivel moi rápido e queren que os seus xogadores gocen no verán dalgún xogo interesante, e así anuncian uns xogos de xullo máis que recomendables, cando menos no caso da PS4.
Temos así que a partires do día 4 de xullo os subscritores de PS Plus terán dispoñible para a súa PlayStation 4 a terrorífica aventura de Until Dawn, que permitiranos vivir en primeira persoa unha situación propia de películas de terror xuvenil (no que 8 amigos viaxan a un refuxio de montaña); e a historia interactiva de Telltale Games baseado en Game of Thrones. Aínda que o normal é que só haxa 2 xogos por plataforma, desta volta inclúese un terceiro xogo para PS4, ¡Has sido tú!, que é un xogo de preguntas que permite competir con até 5 amigos, buscando así dar a coñecer a nova liña de xogos PlayLink, na que poderase responder a máis dun milleiro de preguntas valéndonos dun televisor, unha PS4 e unha tableta ou un smartphone.
Os xogos de PlayStation 3 no mes de xullo tamén resultan bastante interesantes, como o orixinal Tokyo Jungle e co título de loita Darkstalkers Resurrection (que inclúe dous xogos clásicos adaptados para pantallas de alta definición: Night Warriors: Darkstarlkers Revenge e Darkstalkers 3. Pola contra, os xogos de PS Vita son auténticos descoñecidos (consecuencia directa da práctica morte da plataforma): Don’t Die Mr. Robot e Element4l.

PUBLICIDADE