Os polígonos industriais de Noia, Padrón e Melide gozan de accesos á Rede de até 350 Mbps

luns, 26 de marzo do 2018 Redacción

A mellora dos accesos á Rede dos polígonos é posible grazas a unha liña de axudas da AMTEGA

As máis de 70 empresas localizadas entre o Polígono Industrial Agualevada (Noia), o Polígono Industrial de Cortizo (Padrón) e o Parque Empresarial da Madanela (Melide) contan xa con acceso a Internet de até 350 Mbps. Son tres das 81 das superficies empresariais de toda Galicia que se beneficiarán do Plan de banda larga 2020, impulsado pola Xunta, a través da AMTEGA.
As actuacións do Plan comezaron en agosto 2016 e ao remate de 2017 había xa 22 polígonos da provincia con este servizo de banda larga ultrarrápida. Ao remate de 2018 cumprirase o obxectivo dos 27 previstos no plan, que sumados aos que xa dispoñían deste servizo, suporá que o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps.
Ademais, como complemento a esta actuación, a AMTEGA abriu en 2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse preto de 400.000 euros a subvencionar solucións específicas a máis de 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50 Mbps e 350 Mbps.

Prazos e orzamento

O Plan xa completou o despregamento en 55 polígonos da Comunidade e este ano chegará a outros 26 máis. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mbps.
A AMTEGA subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

PUBLICIDADE