Os personaxes de cómic de DC terán un xogo de arenas en liña de balde

martes, 26 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Warner Bros. Interactive Entertainment e DC Entertainment anuncian un novo xogo para PC, Infinite Crisis, previsto para este mesmo ano como un título de arenas multixogador en liña (MOBA) Free-to-Play que está a ser desenvolvido por Turbine, estudo detrás de The Lord of the Rings Online.
Este xogo supón a estrea dos personaxes de DC Comics no emerxente xénero dos MOBA, ofrecendo a posibilidade de loitar empregando moitas das iconas da banda deseñada e, para enriquecer o número de personaxes dispoñibles, non se limitan á versión actual dos mesmos, senón que collen as súas moitas versións alternativas, situadas en universos paralelos e en historias fóra da continuidade, pero que en moitos casos resultan familiares para os afeccionados ao Universo DC.
Polo momento están confirmados personaxes como Nightmare Batman, Doomsday, Flash, Batman Luz de Gas, Catwoman Luz de Gas, Joker Luz de Gas, Green Lantern, Poison ivy, Shazam, Joker, Wonder Woman e Zatanna, aínda que é de agardar que vaia incrementándose o número de heroes e malvados presentes no xogo. Os escenarios tamén actuarán como armas, terán lugar eventos catastróficos e desenvolverase unha historia que ameaza con destruír o Multiverso, e da que os máis ansiosos poderán gozar antes do lanzamento oficial de Infinite Crisis de apuntarse á súa fase de probas.


Trailer de presentación do xogo

No xogo poderemos ver versións alternativas dos coñecidos personaxes de DC

PUBLICIDADE