Os micrófonos sen fíos de RØDE engaden gravación en 32 bits en coma flotante

martes, 22 de agosto do 2023 Marcus Fernández

O sistema de microfonía sen fíos RØDE Wireless GO supuxo toda unha revolución para moitos creadores de contidos ao converterse nunha solución cómoda, fiable e económica de microfonía libra de cables, fórmula que mellorou cos RØDE Wireless GO II (que incluían 2 emisores e un receptor, polo que eran ideais para entrevistas) e incluso cos RØDE Wireless ME (cun único emisor, pero cun micrófono adicional no receptor).
Agora RØDE leva esta proposta a un nivel superior cos RØDE Wireless PRO, que son moi semellantes aos Wireless GO II por contar con 2 receptores e un emisor, pero que ao gravar o audio de 32 bits en coma flotante consegue librar as gravacións de fallos por culpa de sons demasiado altos ou baixos, xa que rexistra un amplo rango dinámico.
Estes novos micrófonos sen fíos tamén inclúen un sistema avanzado que rexistra o código de tempo nas gravacións para facilitar a sincronización do audio en post-produción; mellora a conectividade sen fíos para poder operar até 260 metros de distancia; o seu receptor tamén permite empregar micrófono (de xeito que teríanse en total 3 canles de gravación); e pode adquirirse nun lote que inclúe estoxo de carga, 2 micrófonos de solapa (os novos emisores tamén integran un sistema para fixar con seguridade este tipo de micrófonos externos), cables, pinza magnética para os dispositivos e unha funda para os accesorios.
Temos así a que podería ser a solución máis completa do mercado neste tipo de dispositivos de son, que tanto conta con conectividade minijack para dispositivos con audio analóxico (como as cámaras de vídeo) como a posibilidade de funcionar por USB-C para poder empregado en móbiles, tabletas e mesmo en ordenadores persoais (nos que o software de RØDE achega grandes vantaxes).
Cómpre lembrar que estes micrófonos sen fíos, aparte de transmitir ao seu receptor, tamén gardan unha copia do audio rexistrado nos seus 32 GB de almacenamento interno (polo que poderían gardar máis de 40 horas de audio) o que engade moita seguridade ás gravacións.
Confíase en que este novo produto saia á venda por 399 euros, o que parece un prezo bastante axustando se temos en conta o completo que é o produto, e as posibilidades que ten de cara a evitar que se estrague unha gravación por mor de non poder predicir os niveis de volume que chegan a darse na práctica.

O lote completo de accesorios dos micrófonos RØDE Wireless PRO aportan unha grande versatilidade por un prezo bastante axustado.

Vídeo promocional do RØDE Wireless PRO

PUBLICIDADE