Os internautas galegos xa contan os días para Xuventude Galiza Net 09

mércores, 7 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

Imaxe da pasada edición de Xuventude Galiza Net

A web de Xuventude Galiza Net, organizada pola dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, vén de ser actualizada con contidos da vindeira edición do 2009, a correspondente ao 10º aniversario.
Os vindeiros días 3, 4 e 5 de abril foron os escollidos polos organizadores do XGN para levar a cabo a festa informática con máis sona de Galicia, que nesta edición, segundo veñen de afirmar na web oficial, “virá con moitas novidades”.
Este ano, a party informática máis importante da nosa comunidade terá lugar no Multiusos Fontes do Sar de Santiago por contar cun aforo moito maior que as instalacións do Pazo de Congresos, o lugar onde se veu celebrando nas edicións pasadas.
Unha das novidades máis destacadas desta edición, ademais do cambio de escenario, é a ampliación do límite de idade, que se extende aos internautas de entre 16 e 35 anos. Asemade, os usuarios que se rexistraron na web para asistir á edición do pasado ano, este ano terán praza fixa sempre e cando activen a antiga conta en “alta usuario” e realicen o pago correspondente antes do vindeiro 31 de xaneiro.
De tódolos xeitos, aqueles usuarios que se incriban por primeira vez, terán máis posibilidades de inscribirse con éxito que outros anos pois haberá bastante máis aforo.

PUBLICIDADE