Os grandes clásicos de Namco chegan a sistemas actuais

mércores, 20 de abril do 2016 Marcus Fernández

Namco Bandai vén de estrear a nova Arcade Game Series en Xbox One, PlayStation 4 e PC, permitindo así que os seus primeiros grandes clásicos de recreativas poidan rememorarse en consolas de nova xeración e ordenadores persoais. Esta nova colección está composta polos xogos Pac-Man, Galaga, Dig Dug e Ms Pac-Man, que poden adquirirse por 3,99 euros cada un ou os tres primeiros en lote por 7,99 euros. Estes xogos conservan as súas mecánicas orixinais e os seus gráficos e sons, incluíndo a posibilidade de presentar a imaxe en pantalla con scanlines para simular a aparencia dunha vella pantalla de tubo, recollendo o xogo dentro dun marco con deseños propios dos adhesivos laterais das máquinas recreativas que permiten conservar o aire retro dos xogos pese a que os xoguemos en modernas pantallas de alta definición.
Pac-Man está dispoñible para Xbox One, PlayStation 4 e PC a un prezo de 3,99 euros e consiste en mover ao personaxe protagonista con simples movementos de desprazamento cara a arriba, abaixo, esquerda ou dereita, evitando aos fantasmas e procurando comer todos os puntos que aparecen en pantalla. A máquina recreativa veu a luz en 1980 e en 2005 o libro Guinness dos récords recoñeceuna como a de máis éxito da historia. Nesta revisión para equipos actuais non só conserva o aire nostálxico, senón que incluso mantén os fallos, como o defectuoso nivel 256. A versión do xogo que saíu un ano despois, Ms. Pac-Man, tamén está dispoñible para Xbox One, PlayStation 4 e PC, incorporando como principal novidade un túnel de teletransporte, aínda que non deixa de ser unha versión menor de Pac-Man desenvolvida en EE.UU.
Un dos grandes referentes do xénero dos shoot’em up espaciais, Galaga, que arrasou nos salóns recreativos en 1981, tamén pode agora adquirirse para Xbox One, PlayStation 4 e PC, recuperando así a súa sinxela mecánica baseada en movementos de esquerda a dereita e disparos en vertical, para así esquivar os ataques unha invasión de naves inimigas ás que haberá que destruír con grande habilidade.
O xogo máis recente desta nova serie sería Dig Dug, de 1982, que podemos mercar para Xbox One, PlayStation 4 e PC, e consiste en escavar túneles baixo terra, onde derrotar a numerosos inimigos para poder avanzar ao seguinte nivel. Este título pasou bastante máis desapercibido que os anteriores, principalmente porque non foi tan influente, xa que os grandes clásicos de Namco foron auténticos creadores de xéneros do lecer electrónico.

Vídeo promocional dos novos xogos de Namco

PUBLICIDADE