Os éxitos pasados e futuros de Gradiant, polo miúdo este venres na celebración do seu quinto aniversario

venres, 10 de maio do 2013 Redacción

Finalmente o centro de investigación Gradiant desenvolve este venres 10 de maio os actos oficiais de celebración do seu quinto aniversario (cinco anos xerando tecnoloxía, innovación e coñecemento de valor para as empresas). A cita dará comezo ás 12 horas, na propia sede do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), no Edificio CITEXVI do Campus de Vigo. As accións previstas arrancan cun relatorio a cargo de Fernando Pérez, director xeral do centro galego de I+D, que amosará algúns dos éxitos acadados por Gradiant ao longo dos seus cinco anos de traxectoria e exporá, ao mesmo tempo, os camiños futuros de actividade, que pasan, en boa medida, por seguir afianzándose como centro de Investigación e Desenvolvemento para as empresas.
Tras Fernando Pérez, será a quenda de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, institución co-responsábel da materialización e posta en marcha do centro, tal e como sinalamos no seu día dende Código Cero.
Volvendo ao programa, dicir que a continuación de Mato, intervirán o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. A xeira de actividades complétase coa presentación dunha obra audiovisual sobre as liñas de traballo e repercusión dos achados do centro galego e cun apagado de velas virtual do seu quinto aniversario.
Como lembraremos, o Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant, Galician Research and Development Center in Advanced Telecommunications) foi fundado en decembro de 2007 por once empresas e asociacións do sector TIC de Galicia (Arantia, Arteixo Telecom, Egatel, Gsertel, Indra, Ineo, R, Telefónica, Televés, Tredess e Vodafone-Comunitel), a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, e as tres universidades galegas (A Coruña, Santiago e Vigo). Desde a súa creación, Gradiant inclúe dentro dos seus obxectivos fundamentais o ser un centro tecnolóxico que aporte valor ao tecido produtivo. Este compromiso materialízase nos seguintes puntos:
- A aposta decidida de Gradiant polas liñas de investigación con aplicabilidade á industria e unha flexibilidade na busca de distintos modelos de explotación que permitan transferir o coñecemento ás empresas.
- Unha actitude 100% proactiva na realización de proxectos en colaboración coas empresas, xogando Gradiant en moitos casos o papel de xerador de ideas ou proxectos.

PUBLICIDADE