Os estudos de videoxogos xa teñen kits de desenvolvemento de Natal

luns, 29 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Na pasada edición do E3 non houbo dúbidas en que a compañía gañadora foi Microsoft co seu proxecto Natal, e aínda que Nintendo xa levaba tempo desenvolvemento a detección de movemento coa súa Wii, Sony quedou bastante curta en comparación (en contraste ás declaracións dos seus responsables, que acusaban á tecnoloxía de Microsoft de ser fume), e agora vanse coñecendo detalles sobre os proxectos presentados, de xeito que o Wii Motion Plus de Nintendo xa está á venda, o proxecto Natal puido probarse en vivo por profesionais do sector de todo o mundo (incluíndo ao galego Pablo Grandío, quen asegura que «funciona de verdade») e mentres, do sistema de control de movemento de Sony o único que sabemos é que responderá ao nome de Wand.
Agora, un argumento chega para reforzar a idea de que Natal non é fume, pois resulta que Microsoft xa repartiu entre distintas compañías kits de desenvolvemento de Natal, e Brian Farrell de THQ declarou que contaban coas devanditas ferramentas dende hai máis dun mes, mentres que Sony está a limitar bastante a distribución de prototipos do seu sistema de desenvolvemento con control de movemento, polo que non parece que vaia ter moito respaldo no seu lanzamento na primavera de 2010. Este feito dá a impresión de que Wand está moito máis verde do que se pensaba, mentres que Natal vai vento en popa (aínda que cunha data de lanzamento estimada máis razoable, pois agardan que chegue ao mercado no outono de 2010).

PUBLICIDADE