Os emprendedores do programa C-Teams amosaron cadansúa experiencia de innovación tecnolóxica

mércores, 13 de marzo do 2013 Redacción

O programa C-Teams, dirixido a fomentar a optimización e actualización das nosas empresas de alicerce tecnolóxico con vistas a novos produtos ou servizos, foi avaliado este martes 12 de marzo polo seu principal promotor, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e máis polos seus principais participantes-beneficiarios (empresarios, emprendedores e profesionais da nosa terra inseridos dentro do eido da innovación). En realidade, do que se tratou a actividade foi dunha xuntanza, de uns e outros, co fin de reforzar obxectivos e tomarlle o pulso á iniciativa. No encontro participou o director xeral do IGAPE, Javier Aguilera, que tivo palabras de felicitación para os emprendedores tecnolóxicos que concorren no programa, que á súa vez lle amosaron de maneira directas os froitos recollidos até o de agora a través da devandita iniciativa.
Como lembraremos, o programa C-Teams ten como obxectivo facilitar a consolidación e impulsar a mellora da competitividade en empresas de base tecnolóxica ou de coñecemento de recente creación. Basease na definición dunha carteira de proxectos de mellora e na execución dun proxecto en forma dunha nova proposta de produto ou servizo innovador. A iniciativa céntrase polo tanto en fomentar a cultura da mellora continuada, conxugando conceptos como estratexia, innovación, mercado, produtos e servizos, valor e riscos, contando con formación práctica en novas metodoloxías para que os empresarios participantes podan incorporar novas habilidades de xestión, e con asesoría experta.

PUBLICIDADE