Os divulgadores científicos galegos xuntan esforzos en divulgacción.org a prol da investigación ben contada

xoves, 29 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

A Semana da Ciencia, edición galega, segue adiante nos centros de divulgación e, tamén, no máis ubicuo e accesíbel de todos eles: a Rede. Esta semana, sen ir máis lonxe, soubemos do mantemento na Internet dunha interesante páxina web, posta en marcha por divulgadores científicos da nosa terra co fin de xuntar esforzos (deles e do resto da sociedade) e de informar de tódalas novidades galegas en materia de achados científicos e de difusión deses achados. Falamos de divulgacción.org, sitio habilitado pola Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica -nas súas siglas AGC CCT-, un colectivo de varias ducias de divulgadores científicos procedentes dos máis diversos eidos de traballo (docencia, investigación, xornalismo, tecido empresarial, museos) pero coa arela común de lembrarnos a importancia de valorar a ciencia, fonte de calidade de vida e e de desenvolvemento, como se merece. E, tamén, de informar da ciencia de maneira axeitada.
A orixe da asociación data de abril de 2011, en Santiago, cando trinta divulgadoras/es, ante “a necesidade de contar cunha entidade que velase polas boas prácticas profesionais, a formación específica e máis o intercambio de experiencias”, tomaron a decisión de crear a AGC CCT.
A asociación galega súmase ás xa existentes Asociació Catalana de Comunicació Científica e Asociación Española de Comunicación Científica. Por votación dos socios acordouse empregar a denominación Divulgacción como nome curto da asociación. Entre os obxectivos fundacionais da asociación, segundo nos contan os seus membros de primeira man, “destacan o fomento da divulgación científica rigorosa e de calidade, e a promoción da profesionalización do sector”. A plataforma está aberta á participación, coma unha rede social que tamén é presencial. En palabras do colectivo, “poden ser socios persoal científico comprometido coa divulgación científica, xornalistas con especialización en comunicación social da ciencia e innovación, persoal técnico de museos de ciencia e tecnoloxía, así como calquera persoa vinculada coa divulgación científica rigorosa e de calidade”.

PUBLICIDADE