Os compradores da Ultmate Edition poderán descargar os vellos Gears of War a partires do 1 de decembro

luns, 16 de novembro do 2015 Marcus Fernández

A renovación do software de sistema da Xbox One creou certa confusión entre os compradores do xogo Gears of War: Ultimate Edition, xa que esperábase que coa chegada da retrocompatibilidade dos xogos de Xbox 360 puidesen gozar á saga completa na súa nova consola, pero resulta que esta posibilidade chega en dúas fases que Microsoft tivo a ben diferenciar: Os que xa teñan os anteriores xogos da saga na súa versión de Xbox 360 xa poden gozar dos mesmos na Xbox One, pero os que mercaron Gears of War: Ultimate Edition deberán botar unha partida en liña ao mesmo antes de rematar o ano para desbloquear os vellos xogos para a súa descarga (que non poderá realizarse até o 1 de decembro).
Recibir as catro primeiras entregas da saga Gears of War para Xbox 360 ao mercar a Ultimate Edition de Xbox One é un interesante incentivo para facerse con este xogo que, ademais, tamén facilitará o acceso á fase de proba de Gears of War 4, xogo que dentro dun ano pretende iniciar unha nova saga, polo que os seareiros da franquía están ansiosos por probar o que achegará na nova xeración de consolas.

O acceso á beta de Gears of War 4 é un interesante incentivo para facerse con Gears of War: Ultimate Edition

PUBLICIDADE