Os coches en minuatura xogan ás carreiras nos dispositivos móbiles de Apple

mércores, 30 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Mesturando Micro Machines e Mario Kart dende Playrise Digital, novo estudo dun dos creadores de Wipeout, estrearán mañá na App Store o xogo Table Top Racing, que como ben define o seu título, consiste en carreiras de coches en miniatura sobre mesas, concretamente en 8 pistas diferentes (e reversibles) localizadas no fogar nas que 10 coches (que poden mellorarse durante o xogo) competirán baixo o control dos nosos dedos.

O xogo leva a experiencia das carreiras de coches ao interior do fogar

Table Top Racing conta con 6 modos de xogo (Hot-Lap, Combat, Pure Race, Eliminator...) e incluso gozará de opción multixogador tanto local como a través do Game Center, amosando en todo momento uns gráficos de grande calidade e detalle que incluso correrán a 60 imaxes por segundo en dispositivos con pantalla Retina. O xogo conta tamén con 4 feroces competicións, máis de 30 eventos especiais e 9 power-ups. Un título moi completo que adorarán os que gusten dos coches en miniatura e dos xogos de velocidade.

Vídeo promocional de Table Top Racing

PUBLICIDADE