Os casos irlandés e galego na era dixital foron debatidos polo miúdo en Santiago

martes, 15 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Galiza e Irlanda chegaron hai anos a un mesmo cruzamento, pero os camiños tomados finalmente foron moi diferentes. Se a primeira optou por investir en autoestradas e demais infraestruturas (físicas) a segunda inclinouse polo coñecemento, os intanxibles e, polo tanto, por outro tipo de vieiros: os da información. Pasado o cruzamento e logo de anos de experiencia en cadanseu camiño, o contacto entre unha terra e outra persiste, e tamén o debate sobre os froitos recolleitos. Así se puxo de manifesto este luns no Hotel Porta do Camiño de Santiago, nun encontro organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) con motivo do Día das Telecomunicacións (este 17 de maio) e que contou coa presenza do catedrático irlandés Patrick O´Flanagan, do decano do Colexio, Ramón Bermúdez de Castro e do conselleiro de Innovación, Fernando Blanco.
A finalidade da xuntanza, como dixemos, foi avaliar de xeito comparativo o desenvolvemento de Galiza e Irlanda dende unha óptica industrial e económica.
No transcurso da xornada e baixo o título Sociedade da Información en Irlanda: problemas e oportunidades, O´Flanagan falou polo miúdo da súa experiencia tecnolóxica, explicando amais a actividade dos tres principais órganos de Irlanda responsables do desenvolvemento económico, territorial e industrial do seu país, baseado nas novas tecnoloxías da información –Goberno, empresas e organización non gobernamentais- e das súas necesarias ligazóns (na nosa terra, por certo, aínda se está a traballar neste diálogo).
O punto de vista galego foi achegado polos profesores da Universidade de Santiago (USC) Carlos Macías e Carlos Ferrás, que compararon os casos irlandés e galego no que se refire á aplicación dos elementos inherentes á Sociedade do Coñecemento na vida económica e social dos dous países. É dicir, avaliaron a importancia dos intanxibles (I+D, fluxos de datos, formación de capital humano, universalización da computadora) no proceso de modernización dunha sociedade, e as consecuencias concretas da posta en xogo deses intanxibles (está claro que incidindo de diversa maneira, e neste senso sae gañando por puntos Irlanda) nos dous casos devanditos.

PUBLICIDADE