Os autónomos galegos usan máis as redes sociais cás microempresas

luns, 2 de xuño do 2014 Redacción

Temos novos informes sobre o uso das novas tecnoloxías no tecido produtivo galego, facendo fincapé non tanto en sectores económicos como atendendo a parámetros laborais específicos. De feito, o estudo en cuestión compara os hábitos dixitais dos traballadores por conta propia cos das demais unidades de produción. A investigación A Sociedade da Información e os autónomos de Galicia, elaborada polo Observatorio OSIMGA, achega algunha que outra sorpresa. Por exemplo, sinálase nel que os autónomos da nosa terra superan ás microempresas no uso das redes sociais.
O estudo comeza achegando un perfil medio do traballador autónomo galego. Trátase dun perfil masculino, cunha idade entre 40 e 54 anos, dedicado sobre todo ao sector servizos (57,8%), “aínda que cun peso importante da agricultura (25,8%)”. Porén, e aquí tamén hai un dato que moitos se cadra non agardaban, salienta a investigación a elevada porcentaxe de mulleres autónomas en Galicia (43,2%), 9,3 puntos por riba da media que se rexistra a nivel estatal.
Segundo explica AMTEGA, axencia da que depende OSIMGA, trátase do primeiro estudo específico no ámbito das TIC que se realiza entre os autónomos galegos, a partir de datos facilitados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), a través do Instituto Galego de Estatística (IGE), en virtude con convenio asinado entre AMTEGA e o IGE.
Como dixemos, o informe apunta a un papel de protagonismo das comunidades 2.0 entre os traballadores por conta propia. Así, un 28,3% emprega as redes sociais, superando o uso que rexistran tanto as sociedades (24,2%) como a media global das microempresas (26,4%). Outros medios sociais como os websites que permiten compartir contidos multimedia (Youtube, Flickr, Picassa, SlideShare, Instagram...) tamén son empregados por un 14,1% dos autónomos fronte ao 12,4% de media global para as microempresas. En canto ao uso de blogs para empresas ou microblogs (Twitter, Present-ly, Blogger, Typepad...) e as ferramentas para compartir coñecementos baseadas en Wiki, os autónomos galegos presentan un comportamento semellante ao resto de microempresas galegas.
O estudo pon de manifesto “un incremento relevante” da dispoñibilidade de computador (12 puntos) e do uso do correo electrónico (9,5 puntos) entre os autónomos. Un 61,6% dos traballadores por conta propia centrados nas TIC dispoñen de ordenador e máis da metade (51,3%) emprega o e- mail. A investigación tamén sinala que malia o incremento considerábel na dispoñibilidade de ordenador entre os autónomos, aínda está 26,2 puntos por baixo da porcentaxe que rexistran as sociedades. “Porén”, engádese, “a tendencia é positiva xa que a fenda entre autónomos e sociedade reduciuse en 6,5 puntos porcentuais”.
O informe tamén conclúe que a Internet en mobilidade é unha tendencia tecnolóxica que despunta entre os autónomos. Máis da metade dos autónomos galegos con conexión a Internet, accede á Rede a través de banda larga móbil, superando a porcentaxe que rexistran as sociedades, experimentando un aumento moi relevante no ano 2013 (17,9 puntos). “Este dato”, explícase na investigación, “é clave para calibrar a importancia da penetración desta tecnoloxía, mediante o uso de dispositivos portátiles ou teléfonos móbiles”.
Por outra banda, un 18,9% dos autónomos galegos dispón de acceso remoto ao correo electrónico, documentos ou aplicacións da empresa, mediante conexión a Internet fixa, sen fíos ou móbil. Amais, un 8,5% dos autónomos galegos xa optaron pola xestión da información na nube.

PUBLICIDADE