Os auriculares sen fíos Beats Studio Pro ofrecen o mellor da tecnoloxía de Apple

xoves, 20 de xullo do 2023 Marcus Fernández

En decembro de 2020 Apple sorprendeu ao presentar os auriculares sen fíos AirPods Max cun prezo de 629 euros, o que co tempo aínda se fixo máis rechamante xa que cando Apple Music mellorou as súas prestacións este accesorio quedou fóra dalgunhas das melloras por as tecnoloxías empregadas para a transmisión da música, pero dá a impresión de que á volta do verán teremos uns AirPods Max renovados, corrixindo as súas principais carencias.
Que é o que leva a que pensemos que os vindeiros auriculares con diadema de Apple corrixirán as súas eivas? Pois que Apple vén de pór á venda os auriculares sen fíos Beats Studio Pro que cun prezo de 399,95 euros serían moi completos, especialmente ao permitir conexión a través de Bluetooth, de audio USB-C e incluso mediante unha toma de minijack, polo que ofrecería son con cable coa máxima calidade posible.
Estes novos auriculares tamén contan con son envolvente, audio espacial personalizado con seguimento dinámico da cabeza, cancelación activa de ruído, modo de son ambiente para poder escoitar o que temos ao redor, compatibilidade tanto con Android como con iOS, unha autonomía de até 40 horas, micrófonos que se centran na voz para mellorar a nitidez das chamadas e unhas almofadas ergonómicas UltraPlush de pel que logran a máxima comodidade e resistencia. Tamén é de salientar que o seu peso queda nos 260 gramos, moi por debaixo dos 384,8 gramos dos AirPods Max, polo que en moitos casos son uns auriculares máis recomendables.
Seguirán os AirPods Max a senda dos Beats Studio Pro? En pouco tempo sairemos de dúbidas, pois parece bastante probable que a renovación dos auriculares máis caros de Apple chegue coa presentación dos novos iPhone en setembro.

Son varias as cores nas que poden adquirirse os novos auriculares

PUBLICIDADE