Os alumnos do Máster de Software Libre de Caixanova interveñen no Guadec-es de Gran Canaria

xoves, 9 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O Máster de Software Libre de Caixanova e Igalia segue a espallar, coa axuda dos seus alumnos e o traballo colaborativo que despregan, o seu eido de acción entre a comunidade nacional e internacional de programación aberta. Segundo conta estes días o Centro Mancomún (que, por certo, malia o seu encomiable labor semella ter estes días un futuro incerto), os participantes no curso superior acudiron esta semana á Gran Canaria Desktop Summit, que reúne este ano (baixo a un mesmo teito e até o 11 de xullo) a Guadec-es e a Akademy, o que unido ás restantes comunidades dan unha cifra nada desprezable de máis de mil asistentes. Máis polo miúdo, a completa listaxe de actividades (relatorios, obradoiros e seminarios), incluíu este mércores unha intervención dos alumnos do Máster, que tiveron a oportunidade de presentar os detalles do programa formativo Tarefas, the small lightweight open-source task manager for GNOME.
A idea foi desgranar polo miúdo este traballo colaborativo en todas as súas implicacións e afondar na súa arquitectura e aspectos técnicos, así como da metodoloxía seguida para organizar as sesións.
Engadir que durante a anterior edición do Máster, os estudantes tiveron ocasión de experimentar unha vivencia semellante á achegada pola xuntanza en Gran Canaria asistindo ao FOSDEM 2008, un dos máis importantes congresos europeos de software libre, onde presentaron un relatorio titulado Quality and Libre Software: a theorical and practical approach.

PUBLICIDADE