Os Tamagotchi volven en versión móbil

venres, 16 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Bandai Namco anuncia que por fin está dispoñible en case todo o mundo My Tamagotchi Forever, un xogo móbil que podemos descargar de balde para iOS e para Android, recuperando o clásico xogo de peto que fora todo un fenómeno hai un par de décadas, e que agora volven para captar a unha nova xeración de afeccionados.
A nova aplicación non só pode xogarse de balde, senón que tamén inclúe novidades interesantes como a posibilidade de gozar de realidade aumentada en iOS e Android facendo uso das tecnoloxías ARKit e ARCore respectivamente (en dispositivos compatibles coas mencionadas tecnoloxías), para así poder explorar Tamatown e buscar aos nosos outros amigos Tamagotchi.
O novo xogo permite crear o noso propio Tamagotchi, que teremos que coidar para que estea san e feliz, de xeito que o usuario terá que alimentalo, limpalo, entretelo e incluso mandalo a durmir. My Tamagotchi Forever inclúe minixogos, permite que os personaxes Tamagotchi vian evolucionando en función dos coidados recibidos, conta con numerosos elementos desbloqueables e incluos permite compartir os momentos favoritos e os progresos cos amigos.
Aínda que é posible xogar completamente de balde, a aplicación integra compras, de xeito que no caso de non querer realizar gastos accidentais os editores do xogo recomendan desactivar esta posibilidade no dispositivo no que estea instalado.

Tráiler de My Tamagotchi Forever

PUBLICIDADE