Os Piratas crean unha web para favorecer o reencontro de fillos roubados

venres, 9 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

Os Piratas cataláns nunha xuntanza recente

O roubo de bebés por motivos ideolóxicos (máis de 30.000 desaparecidos durante a Guerra Civil e a posguerra), foi unha práctica sistemática levada a cabo por persoas afíns ao réxime franquista, con motivo de arrebatar fillos a militantes de esquerdas e a nais solteiras para entregarllos a familias a prol do réxime. Perante esta situación -e vendo que ningún partido político nin o goberno facían nada para solucionar isto- a chamada Confederación Pirata vén de lanzar unha campaña sobre o roubo de nenos durante o franquismo co gallo de facer realidade o reencontro destas familias afastadas ao longo de moitos anos.
E quen está detrás desta Confederación Pirata? Pois está unha unión de partidos políticos independentes cuxo fin é realizar proxecto conxuntos e promover o Movemento Pirata Internacional dende o eido do Estado español. A día de hoxe a Confederación Pirata está conformada por varios partidos espallados pola Península, entre eles os Piratas de Galicia.
A Confederación Pirata enviará información sobre a posibilidade de que un cidadán sexa un neno roubado na súa propaganda electoral, poñendo a disposición de toda a cidadanía a web-taboleiro QuienSoy.org, na que se poden consultar os diferentes casos de desaparecidos por data de nacemento, provincia e hospital ou centro de acollida, xunto cunha listaxe dos hospitais implicados en máis desaparicións. Engadir que os datos dos desaparecidos foron achegados por ANADIR e Fundación Adoptados, entidades que asesoraron á Confederación Pirata en referencia ao contido da carta a enviar aos potenciais afectados, e que xestionarán os diferentes reencontros de cara a efectualos do xeito máis respectuoso e menos traumático posíbel. Emporiso, os gastos da iniciativa de bebés roubados encádranse nos fondos de campaña da Confederación Pirata, para os xa se atopa aberto un crowdfunding no que se pode colaborar. Na páxina web do proxecto os detalles sobre a maneira de realizar doazóns á Confederación Pirata e o orzamento da iniciativa. Tamén son posíbeis outros xeitos de colaboración como a difusión da campaña ou a procura e ampliación de información sobre os casos de bebés desaparecidos.

PUBLICIDADE