Os IES Terra de Soneira e Ramón Cabanillas impuxéronse na primeira edición de Curtas co Móbil

mércores, 6 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

A primeira edición do Concurso Curtas co Móbil, destinado a promover a creatividade da xuventude galega (ESO e Bacharelato) a través duns aparellos ben presentes na súa vida, xa ten gañadores. Máis polo miúdo, os institutos Terra de Soneira de Vimianzo (primeiro premio) e máis o Ramón Cabanillas de Cambados (segundo). A entrega de galardóns celebrouse este mércores en Santiago. O concurso veu da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Secretaría Xeral de Medios, que recolleron e amplificaron a idea orixinal achegada polas aulas CeMIT de Vimianzo e Abegondo.
Como dixemos, o IES Terra de Soneira de Vimianzo resultou gañador do primeiro premio coa curtametraxe Os perigos das Redes Sociais, acadando un netbook para o centro e un iPod para cada un dos cinco alumnos que participaron na iniciativa. O segundo premio foi dar aos responsables de Un lapis e un vello papel, obra de cinco alumnos do IES Ramón Cabanillas de Cambados, que tamén recibiron un iPod cada un e máis unha videocámara para o centro.
Pero houbo máis. Como por exemplo un terceiro galardón, no que fixo dobrete o devandito centro Terra de Soneira, en virtude da curta As novas tecnoloxías. O premio, neste caso, foi unha cámara dixital para o centro e un iPOd para cada un dos tres alumnos responsables da obra.
O concurso, segundo recorda a organización, non puído estar máis envorcado nas redes e nos novos trebellos tecnolóxicos. De feito, convocouse na Rede, animouse a empregar aparellos directamente relacionados coa Rede (os móbiles de última xeración con cámara) e, a maiores, apoiou o proceso de valoración de cada peza presentada nas propias redes. Máis polo miúdo, no servizo Gústame de Facebook, a través do espazo específico de AMTEGA nesta comunidade social, que recibiu 17.800 visitas en tres semanas e deu acubillo, como dixemos, ao proceso de votación en si mesmo.
Seguimos con cifras, desta volta de participación creativa directa. En total, presentáronse 22 curtametraxes realizadas co móbil, matriculados na ESO ou no Bacharelato de oito centros educativos da Comunidade galega. Da provincia da Coruña participaron o CPI de Xanceda, Mesía o IES Eduardo Pondal de Santiago, o IES Terra de Soneira de Vimianzo, o CPI O Cruce de Cerceda. Da provincia de Pontevedra o IES Manuel García Barros da A Estrada, o IES Ramón Cabanillas de Cambados e o IES María Soliño de Cangas. E da provincia de Ourense o Colexio María Inmaculada de Verín.
As curtas que entraron na fase final foron realizadas por mozos e mozas entre 14 e 20 anos de idade. Tanto individual como colectivamente, sinala a organización, salientaron “pola súa calidade e orixinalidade”. Tamén serviron para amosar en detalle a habilidade e o bo facer dos participantes “á hora de plasmar a temática obxecto deste concurso relacionada coas funcionalidades que ofrece a rede de aulas CeMIT como referente no acceso á formación en novas tecnoloxías e o seu impacto na vida cotiá”.
Os obxectivos do certame, como dixemos no seu día, foron os de “espertar a creatividade audiovisual dos estudantes galegos, fomentar o traballo en equipo e dar a coñecer as posibilidades que se abren no eido da formación e o coñecemento das novas tecnoloxías que se veñen ofrecendo a través das actividades programadas nas aulas CeMIT dos distintos concellos e comarcas galegos”.
Os estudantes contaron co asesoramento directo da comunidade educativa e dos responsables das aulas CeMIT.