Os Angry Birds volven cun novo clon de Bejeweled

venres, 1 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Parece que a franquía dos paxaros anoxados de Rovio vai perdendo pulo, pois esta semana estrearon xogo móbil, Angry Birds Match, pasando tan desapercibido como Angry Birds Evolution, que veu a luz a primeiros do verán. Desta volta o xogo que podemos descargar de balde na App Store ou en Google Play achega unha proposta que pode resultarnos moi familiar, xa que temos un xogo no que mover elementos de xeito que desaparecerán de combinarse en vertical ou horizontal a partires de 3 iguais.
Vaia, que temos un clon máis de Bejeweled ou Candy Crush, coa diferenza de que nesta volta as combinación teñen a entrada en xogo de paxaros anoxados no taboleiro, que poden contribuír destruíndo outras fichas ou atacando aos seus inimigos xurados, os porcos verdes.
Os paxaros anoxados deste xogo serán Red, Chuck e Bomb, que axudarán a os máis de 50 poliños que iremos atopando en máis dun milleiro de niveis de diversión e desafío (aos que iranse engadindo máis no futuro). No xogo tamén haberá vidas e potenciadores, buscando así que as súas mecánicas animen aos xogadores a realizar compras dentro da aplicación.

Red, Chuck e Bomb terán distintos movementos para axudar aos máis de 50 poliños que atoparemos no xogo

Tráiler de lanzamento de Angry Birds Match

PUBLICIDADE