Oroso e Vedra proxectan esta semana as pezas gañadoras de Curtas na Rede

luns, 27 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Os Telecentros de Comunicación (TC) de Vedra e Oroso participan esta semana na actividade A tarde máis curta, unha iniciativa encamiñada a proxectar por toda a nosa xeografía as pezas máis salientables das anteriores edicións do certame redeiro-audiovisual Curtas na Rede. Tanto o devandito espazo de conexión de Vedra como o de Oroso, porán a disposición de todas as persoas interesadas en participar na actual convocatoria de Curtas na Rede todo tipo de recursos de gravación e montaxe dispoñibles, dende cámaras de vídeo a material informático.
Por certo que o prazo para concorrer neste concurso, que achega interesantes premios para os participantes que obteñan a través da Rede o meirande número de apoios, remata o vindeiro 10 de setembro. A cita coa actividade A tarde máis curta desenvolverase este martes en Oroso (a partir das 20.30 horas) e o xoves en Vedra.
Detrás desta serie de proxeccións itinerantes e da mesma infraestrutura que lle dá acubillo, a Rede de Telecentros de Comunicación, atópase a Secretaría Xeral de Medios. A campaña Comunícate, da que forma parte A tarde máis curta, desenvólvese co obxectivo de amosar perante a cidadanía o potencial do tecido de Telecentros como porta de entrada á Sociedade da Información na nosa terra.

PUBLICIDADE