Orange Series será a primeira canle televisiva en España con series en 4K

venres, 4 de maio do 2018 Marcus Fernández

Mentres RTVE estrea canle en ultra alta definición na TDT compostelá, dende o operador Orange queren ser máis ambiciosos e lanzarán o vindeiro luns Orange Series, a primeira canle televisiva dun operador en España dedicada a series en calidade 4K, que contará tamén coas funcionalidades de Start Over e Últimos 7 días.
A nova canle de ultra alta definición de Orange permite así tirar un maior proveito do descodificador 4K do operador, e a través do que é posible recibir máis de 40 canles premium, televisión á carta e un videoclub con máis de 900 títulos entre os que non faltan contidos en 4K.
O lanzamento de Orange Series vén acompañado pola sinatura dun acordo con Sony Pictures Television para a licenza das series coas que se estreará a canle, todas con tempadas completas e cun reclamo: a serie Snatch, baseada no filme homónimo de Guy Ritchie, emitirase en exclusiva a través de Orage TV.
Nos vindeiros meses Orange Serie irá sumando máis contidos exclusivos, así como series coñecidas como House of Cards, Better Call Saul ou Community.

PUBLICIDADE