Operacións bancarias en liña, mellor con Linux

venres, 16 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

Os sistemas operativos de Microsoft non o teñen doado en termos de seguridade. A súa sorte radica precisamente na longa listaxe de desenvolvedores e programadores cos que conta a casa tratando de adiantarse na medida do posible aos ciberataques, pero ás veces nin con isto chega (tal é o número de ameazas que lles chegan a través da Internet). En consecuencia, unha parte da comunidade en liña está a repropoñerse a conveniencia de seguir usando estas ferramentas para levar a cabo operacións de risco na Internet. Por exemplo: operacións financeiras ou de banca electrónica.
Segundo conta Mancomún, a recomendación non só provén de usuarios de a pé, senón de medios informativos con certo peso na opinión pública, como The Washington Post, que a través dun artigo especializado vén de aconsellar un CD Vivo de Linux para levar a cabo na Rede calquera tipo de operación das devanditas.
A base desta recomendación é contribuír a eliminar a maioría das ameazas, xa que un soporte destas características non garda os datos de sesión anteriores, co que cada sesión sería unha primeira sesión.
O artigo, feito por Brian Krebs (especialista en seguridade informática e privacidade), parte do seguinte punto: tratar de pór remedio á longa listaxe de atrancos comunicativos e operacionais que están a ter diferentes entidades bancarias cos seus clientes, atrancos producidos en boa parte por ciberataques e vulnerabilidades nos sistemas Windows de Microsoft. Co fin de evitar isto, recomenda non usar estar ferramentas (susceptibles de filtracións de datos e de abrirlles as portas da nosa información aos usuarios remotos).

PUBLICIDADE