OnePlus presenta o Nord 3 5G

mércores, 5 de xullo do 2023 Marcus Fernández

O fabricante OnePlus segue a manterse no mercado como marca secundaria de Oppo, e para continuar a atender a demanda dos seus fieis usuarios que non están dispostos a pagar grandes cantidades polos seus móbiles insignia presentan o OnePlus Nord 3 5G, un completo smartphone de gama media que chega ao mercado a un prezo de 449 euros con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e de 549 euros (499 euros na súa promoción de lanzamento) con 16 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.
Falamos dun móbil cunhas prestacións que estarían á altura dos móbiles de gama alta do ano pasado, podendo competir bastante ben con case calquera terminal do mercado nos seus distintos aspectos. Funciona cun procesador MediaTek Dimensity 9000, ten unha pantalla plana AMOLED de 6,74 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz e un brillo máximo de 1.450 nits, a súa cámara traseira principal ten un sensor Sony IMX890 de 50 Mpíxeles (apoiada por unha lente macro e un ultra grande angular), a súa batería de 5.000 mAh conta con carga rápida de 80 watts e incluso ten unha cuberta de cristal de seda que fai que pensemos que estamos ante todo un alta gama.
O OnePlus Nord 3 5G consegue disparar magníficas fotografías coa súa cámara principal que integra estabilizador óptico de imaxe, mentres que no apartado do vídeo tanto pode gravar en 4K a 60 imaxes por segundo como limitar a resolución a 1.080p para poder empregar o seu modo superestable (ideal para tomas de acción).
Sen dúbida, un móbil moi atractivo, que pode reservarse xa para entregarse a partir do 17 de xullo.

O OnePlus Nord 3 5G pode adquirirse en cor verde ou gris escura.

PUBLICIDADE