Obradoiro de creación de vídeos documentais en Oleiros

luns, 17 de novembro do 2008 Raquel Noya

No marco das actividades que, con motivo da Semana da Ciencia, se están a celebrar esta tempada por toda Galicia, o Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga, pertencente ao CEIDA, está a desenvolver un Obradoiro de Iniciación ao Vídeo Documental, impartido pola empresa Mr. Misto Films en Oleiros, A Coruña.
O curso, no que participan 20 persoas vinculadas á comunicación audiovisual e á educación ambiental, deu comezo o pasado mércores, 12 de novembro, e ten previsto rematar o vindeiro sábado día 22.
Esta actividade trata de dar a coñecer o proceso de elaboración dun vídeo documental e de descubrir as posibilidades didácticas para incorporalo no traballo de entidades vinculadas á educación e interpretación ambiental.
Desenvólvese en dúas fases; unha teórica, na que os alumnos aprenden a construír unha historia documental, a realizar unha escaleta ou guión e a facer entrevistas, entre outras cousas, e unha práctica, que se realiza na mañá dos sábados e na que os participantes levan a cabo a creación dun documental, dende as gravacións ou rodaxe ata a montaxe e postproducción.
A temática xira en torno aos aspectos culturais, históricos ou naturais da illa e do castelo de Santa Cruz.
O Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga organizou tres actividades distintas con motivo da Semana da Ciencia 2008: o Obradoiro de Iniciación ao Vídeo Documental, o Obradoiro en liña Internet como ferramenta de busca de documentación científica e un boletín especial sobre ciencia e tecnoloxía.

PUBLICIDADE