OAP Galicia celebra un curso a distancia sobre deseño web para autónomos

venres, 23 de maio do 2008 Raquel Noya

Acorde a súa política de promoción e especialización dos profesionais autónomos da nosa terra, a Federación de Profesionais e Autónomos de Galicia, OAP-Galicia está a celebrar dous cursos a distancia sobre Deseño Web e Técnicas de Venda dirixidos a máis de 60 alumnos interesados nalgún dos devanditos temas.
Ámbolos dous cursos están subvencionados pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo e teñen como principal obxectivo dotar de novos coñecementos aos autónomos galegos para que sexan máis competitivos nas súas actividades profesionais.
Os alumnos contan co apoio dun titor persoal e teñen a posibilidade de realizar os cursos ben mediante correo ordinario, a través dun boletín de exercicios, ou ben mediante correo electrónico, co apoio dunha plataforma web. Deste xeito, os asistentes a algún dos dous cursos poden compaxinar a súa actividade profesional coa formación a distancia.
No curso sobre Deseño Web están a participar un total de 47 autónomos que cursarán 115 horas das que consta o programa de manexo do contorno web ata o mes de agosto. Os alumnos participantes están a desenvolver a súa propia páxina web e dotándose dos coñecementos de xestión e mantemento da mesma.

PUBLICIDADE