O xogo na nube chega ás consolas Xbox

mércores, 17 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Na semana na que a Xbox orixinal celebra os seus 20 anos os subscritores de Game Pass Ultimate tamén comezan a ter acceso ao servizo de xogo na nube Xbox Cloud Gaming dende consolas Xbox One e Xbox Series X|S, aínda que a expansión deste servizo realizarase de xeito progresivo, tardando varias semanas en chegar á totalidade de usuarios das 25 rexións nas que está operativo o servizo de xogo mediante streaming.
Se ben en consolas Xbox Series X|S a experiencia de xogo será moi superior instalando os xogos en local, a posibilidade de poder iniciar rapidamente unha partida aproveitando o poder da nube resulta moi práctico para probar un título ou para participar nunha partida en liña esporádica; mentres que no caso de usuarios de consolas Xbox One temos que se lles abre a porta a xogos non dispoñibles para consolas da anterior xeración, e incluso hai xogos multiplataforma que ofrecerán unha experiencia moi superior a través de Xbox Cloud Gaming, xa que as máquinas que ofrecen o servizo en liña son da xeración actual, o que supón maior potencia gráfica e menores tempos de carga.
Os usuarios de Xbox One poderán aproveitar o xogo na nube para gozar de títulos de Series X|S como Recompile, The Medium e The Riftbreaker, aínda que a primeiros de 2022 chegará un título que considerarán todo un agasallo: Microsoft Flight Simulator. Deste xeito, este esixente xogo estará ao alcance para quen non dese o salto á nova xeración de consolas ou a quen non teña un ordenador de alta gama capaz de mover este título.

PUBLICIDADE