O xogo libre A batalla polo Noroeste, 100% en galego

martes, 3 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

A comunidade Trasno, incansábel na tradución ao galego de todo tipo de recursos libres, informou os días pasados da publicación da versión 1.10.7 de A batalla polo Noroeste, xogo de estratexia por roldas emprazando nun contorno de fantasía heroica de ambiente medieval e que atesoura a vantaxe extra de ser unha achega libre, polo que se multiplican as súas posibilidades de adaptación e enriquecemento. De feito, segundo nos contan dende Trasno, trátase dun dos “buques insignia dos videoxogos abertos dende hai moitos anos”. A nova reformulación do xogo mellora entre outras cousas a súa estabilidade. Con todo, e volvendo ás posibilidades de adaptación das que falamos, permitiu que a comunidade Trasno metese man para conseguir que a nova versión se fornecese cen por cen traducida ao galego. Así, informa a comunidade, todos os textos que se poden traducir están en galego, incluídos os textos das imaxes como os mapas ou o logotipo do xogo.
Lembrar que o Proxecto Trasno leva dende o ano 2007 traballando na tradución deste xogo. Logo deste fito tan importante (a versión 1.10.7 trasladada na súa totalidade á nosa lingua), o colectivo anunciou que seguirá a traballar para asegurar que a tradución non baixe nunca do nivel do cen por cento, un nivel “que tanto custou acadar a medida que o videoxogo foi evolucionando”. O xogo pódese descargar dende a páxina oficial e, ademais, ábrese á participación dos usuarios galegos para que informen de calquera erro lingüístico que poida aparecer.

PUBLICIDADE