O xogo de mascotas para PS Vita promociónase cunha versión móbil de balde

luns, 14 de abril do 2014 Marcus Fernández

A xeito de anticipo do xogo PS Vita Pets, dende a división de videoxogos de Sony anuncian o lanzamento de PlayStation Vita Pets: Puppy Parlour, un videoxogo móbil que permitirá que os xogadores vaian coñecendo os cachorros antes da estrea do xogo completo, e así ir experimentando os aspectos principais do xogo.
Cada día chegará un novo cadelo ao salón e o xogador deberá satisfacer as súas necesidades específicas mediante distintas actividades como sacalo de paseo, duchalo, alimentalo ou xogar con el. Entre os xogos están Atrapasueños (un runner no que recoller ósos dourados), Burbujitas (esbourar burbullas que van caendo) ou Tentempié en equilibrio (onde hai que balancear o móbil para que o can garde o equilibrio mentres sostén unha lambonada no nariz). A vitoria nos xogos e o coidado das mascotas traducirase na obtención de puntos para poder actualizar o salón e desbloquear novos obxectos e prendas de roupa.
Polo momento o xogo móbil pode descargarse de balde para dispositivos con Android, chegando a súa versión para iOS a semana que vén.

Puppy Parlour integra mini-xogos para gañar puntos

PUBLICIDADE