O xogo de Nintendo DS Mystery Detective dá o salto a Android

xoves, 27 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Entre os anos 2006 e 2007 chegou ás consolas portátiles Nintendo DS o xogo Touch Detective (chamado en Europa Mystery Detective) que tiraba proveito da pantalla táctil da portátil de Nintendo para manexar unha aventura de misterio coa tradicional mecánica point-and-click, e como moitos outros títulos deste xénero, o verán pasado deu o salto a iOS, de xeito que pode descargarse de balde dende o iPhone para pagar polos distintos capítulos do xogo a través da súa aplicación (cun prezo de 7,99 euros de adquirirse todos os seus capítulos) e, dende as últimas horas, tamén está dispoñible para móbiles Android.
Se instalamos este xogo no noso móbil poderemos xogar ao seu titorial e á metade do seu primeiro capítulo, tendo que pasar por caixa se queremos gozar do xogo completo. Aínda que non esteamos ante un xogo de grande factura, o seu coidado deseño e os seus carismáticos personaxes poden facer que se gañe ao público, como poderiamos deducir do feito de que en iOS xa está dispoñible a súa secuela Touch Detective 2 ½.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE