O xogo de Defiance para Xbox 360 pasa a ser free-to-play

mércores, 19 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A serie de televisión Defiance, emitida por SyFy durante xa 2 tempadas, foi todo un exercicio de cross-media ao combinar a súa acción na pequena pantalla cun videoxogo multi-plataforma co que comparte título, e que esta semana experimentou un importante cambio, xa que vén de converterse en free-to-play para Xbox 360, de xeito que os usuarios da anterior consola de videoxogos de Microsoft poden xa gozar de balde deste título, como xa fan dende hai uns meses os usuarios de PlayStation 3 e os de PC.
O xogo para Xbox 360 está así ao alcance de todos os usuarios de Xbox LIVE Gold, e dende Trion Worlds aseguran que compensarán aos usuarios que mercasen o xogo en formato físico cunha serie de contidos adicionais (práctica habitual cando se produce un cambio de modelo de negocio nun xogo masivo en liña).
Aínda que non é preciso seguir a serie de televisión para poder goza do xogo, é altamente recomendable seguila ao ritmo norteamericano, pois unha das chaves deste experimento é que os grandes cambios no mundo virtual coinciden con acontecementos na ficción televisiva, facendo que a experiencia sexa máis completa do que é habitual nos MMO.


Vídeo no que anuncian o salto ao free-to-play de Defiance

PUBLICIDADE