O xogo de Ataque a los Titanes chega a PC, PS4 e Xbox One

martes, 30 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Os afeccionados á banda deseñada e á serie de animación de Ataque a los Titanes ou Shingeki no Kyojin están de parabéns, xa que o xogo A.O.T. Wings of Freedom chegou finalmente ao mercado europeo, podendo mercarse para PC (Steam), PlayStation 4 e Xbox One, coa curiosidade de que a versión para a consola de Microsoft custa 59,99 euros, mentres que o resto véndense a 49,99 euros, aínda que en Steam matizan que trátase dunha promoción até o 2 de setembro, algo que deberían ter en conta os que queiran revivir en primeira persoa as aventuras de Eren e os seus compañeiros na loitan contra os Titáns devoradores de homes que ameazan con extinguir á Humanidade.
O xogo pode xogarse en modo campaña individual, contando tamén con modos en liña de até 4 xogadores, e a súa historia vai máis aló da primeira tempada da serie de animación, polo que os lectores do manga agradecerán que se achegue un pouquiño máis de trama da que puido verse na pequena pantalla, achegándose máis ao publicado até o momento en papel (a serie de animación ten adiada a segunda tempada até que o manga teña material dabondo para unha segunda serie de episodios).
Este xogo conseguiu converterse nun dos fenómenos do manga e o anima a nivel internacional, e a súa achega ás consolas de videoxogos limitárase a plataformas portátiles, polo que moitos agradecerán poder gozar agora na súa consola doméstica dun xogo que achega un nivel gráfico que incluso está á altura da propia serie de animación, permitindo que o xogador se vexa máis involucrado na aventura que coa pasividade dun simple espectador.

PUBLICIDADE