O xogo Wordament estrea versión para Android

luns, 7 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O xogo móbil Wordament (semellante ao popular Mezcladitos) está a ampliar as súas posibilidades e, pese a ser un desenvolvemento de Microsoft, tamén está accesible para máis plataformas móbiles, de xeito que agora podemos descargalo de balde para Windows Phone, para Windows 8, para iOS e incluso para Android, destacando esta última versión por ser o primeiro xogo en permitir logros de Xbox LIVE dentro de Android.
Os cambios neste xogo móbil non rematan aí, senón que coa súa versión 2.6 tamén inclúe un serio cambio na súa versión para Windows Phone, que ata o momento estaba deseñada para Windows Phone 7 e agora tamén está dispoñible de xeito nativo para Windows Phone 8 (evitando algúns problemas que se presentaban coas pantallas do HTC 8X e o Nokia Lumia 1020).
Este xogo está constantemente incorporando novidades (como novas linguas, que xa son 15, entre as que non faltan o español e o portugués de Brasil) e melloras, converténdose nun grande exemplo do que é un título baseado no servizo na nube de Microsoft, Windows Azure.

O xogo está dispoñible para múltiples plataformas

PUBLICIDADE